Festa do Boi de Allariz

No sec. XIV habitaba en Allariz unha poboación xudía respectable, confinada no barrio de Santo Estevo, extramuros, que vivía conxugando un innegable dinamismo económico co acoso provocado pola “oficialidade” cristiá, moradora da cidade amurallada. Chegada a festividade do Corpus, e aproveitando que a procesión do Santísimo necesitaba saír extramuros para achegarse ao convento, era cando aproveitaban os xudeus para desafogaren as súas iras e frustracións, berrando e insultando ao paso da procesión. Contan os cronistas que Xan de Arzúa, un fidalgo alaricano de profundas conviccións relixiosas, decidiu dar fin a esta situación. Chegada a procesión do 1317 montou a lombos dun boi e acompañado por varios criados e cargado de sacos con formigas encabezou a procesión do Corpus. Cando os xudeus apareceron para boicotear o acto, a base de cornadas e chuvia de formigas axotou para sempre os xudeus.

Dende entón e ata 1936, todos os anos polo Corpus saía o Boi en Allariz. Durante a guerra suspendeuse, para despois dela espertar lentamente, apagándose de forma definitiva a finais dos 50, principios dos 60. Dende entón, e segundo palabras de Antonio Blanco, “o Boi vive agochado no corazón dos alaricanos”, ata que en 1983, un grupo de mozos decide recuperar a festa, e o boi volve correr por Allariz, e con el un municipio con orgullo da súa historia e das súas tradicións.

O ascenso en participación, popularidade e proxección pública da festa dende a súa recuperación é espectacular; boa proba disto, son os 10 días de duración actual da festividade e do número de visitantes que se achegan todos os anos polo Corpus Christi a Allariz.

Festa do Boi – Allariz – Roberto Rey – 12

A LENDA DE XAN DE ARZÚA

Fai moitos, moitísimos anos, a pé de 700, Allariz xa era Allariz. Non tiña tantas casas coma hoxe, nin piscinas nin colexios nin ordenadores… pero tiña un castelo moi grande na cima dese outeiro, tiña a ponte de Vilanova, tiña o río Arnoia, o Campo da Barreira, moitas igrexas, moitas casas de pedra e moitos, moitos nenos… coma hoxe! Pois daquela, que viña sendo o ano 1316, en Allariz vivían veciños de distinta relixión e ás veces enleábanse en liortas. Uns eran cristiáns e outros, xudeus. Ser eran todos iguais e pensaban parecido, pero os cristiáns tiñan uns costumes e os xudeus, outros diferentes; os cristiáns comían touciño e carne de porco, por exemplo, e os xudeus, non; os cristiáns eran zapateiros, ferreiros ou curtidores e os xudeus preferían ser comerciantes e prestamistas, que era algo así coma os banqueiros da Idade Media; os cristiáns non traballaban os domingos e os xudeus facían festa os sábados…  Festa!!! Por aí empezou a liorta!

Como vos dicía, era o ano 1316. Era xoves, non lembro se no mes de maio ou xuño. O caso é que os cristiáns celebraban ese día unha gran festa relixiosa: a procesión do
Corpus Christi (o corpo de Cristo, que dicimos en galego). Era a primeira vez que a facían e puxéranse todos elegantes para pasear as rúas cos seus símbolos relixiosos. Saíron da igrexa de S. Pedro para percorrer toda a vila, cada un cos da súa confraría -os carpinteiros cos carpinteiros, os labregos cos labregos, os panadeiros cos panadeiros…- e tamén con eles ían as autoridades do Concello, os curas, os danzantes e ata un monstro de mentira que botaba lume pola boca; chamábanlle coca. Era un gran día para os cristiáns!

Tan contentos ían na súa procesión que non se decataron de que tanta festa e tanta xolda non lles gustaba moito aos seus veciños xudeus. Así que, cando os cristiáns asomaron o bico polo barrio de Socastelo, atopáronse cunha sorpresa: Varias ducias estaban agochados nas rúas e empezaron a berrarlles e a rirse das súas roupas elegantes, dos seus danzantes, dos seus curas e do seu Corpus Christi. Os cristiáns pensaron que aquelo era de máis, que non se podía aturar, e remataron a procesión totalmente enfurecidos e desexando vingarse.

Durante todo o ano non pararon de darlle voltas ao que pasara e falaron do tema en todas partes: nas zapaterías, nas reunións das confrarías, nos ensaios das danzas…
Todos querían darlle un escarmento aos xudeus. E o que máis matinaba no asunto era un home alcumado Xan de Arzúa. Ninguén soubo dicirme por que lle chamaban así e se el era de Allariz pero… o caso é que lle chamaban Xan de Arzúa. E Xan de Arzúa era un fidalgo que tiña moitas e moi boas fincas nas aforas da vila. Tiña moitos criados e sempre vestía moi luxoso e fachendoso. E, sobre todo, Xan de Arzúa era un home moi, moi relixioso. Era un cristián moi devoto e moi amigo dos curas.

Pasou ese ano, como vos contaba, dándolle voltas á cabeza para vingarse dos xudeus ata que chegou, de novo, o xoves de Corpus. Era o ano 1317. Os cristiáns xuntáronse outra vez no adro da igrexa de San Pedro, elegantísimos e contentos, pero coa mosca detrás da orella por se volvían aparecer os xudeus. Pero esta vez Xan de Arzúa tivera unha idea e preparábase unha boa. O caso é que os xudeus querían repetir a do ano anterior e estaban agochados en Socastelo para rirse do Corpus Christi e dos cristiáns. Pero cando a procesión saíu do convento de Santa Clara e enfilou cara á Santo Estevo, o que viron os xudeus deixounos pampos. Diante da procesión cristiá apareceu un boi enorme. Montado nel ía Xan de Arzúa, rindo a todo rir, e dos cornos saíanlle unhas cordas que agarraban uns seus criados mentres outros sacaban formigas e cinsa duns sacos e botábanllas aos xudeus cando tentaban asomar o nariz. E, por se fora pouco, o criado máis fino do de Arzúa levaba unha aguillada e picaba ao boi para que correse máis e se puxese furioso contra os xudeus.

Estes non o dubidaron. En canto viron a que se aveciñaba, botáronse a correr cara á xudería prometendo que nunca máis se ían meter cos cristiáns.
Ante o éxito da súa idea, que se repetiu cada ano dende aquel día, Xan de Arzúa foi aclamado coma un heroe polos seus veciños cristiáns. O fidalgo sentíase o home máis importante da vila. Todos o louvaban e facíanlle mil agasallos, así que a súa riqueza foi en aumento. Sentíase tan importante que pensou que a súa fama non debía morrer con el. Por iso deixou mandado no seu testamento que, despois de morto, cada xoves de Corpus un boi debía saír diante da procesión cristiá e levar no seu lombo unha figura vestida coma el mesmo; e debían ir os seus criados guiando o boi cunhas cordas e debíase facer cada ano unha festa enorme. E para que o seu desexo se cumprise deixoulle unha gran cantidade de diñeiro aos curas de San Pedro e ordenou a creación dunha fundación que se encargase de organizalo todo.

Dende aquel día de 1317 en Allariz corre polas rúas un boi atado cunha corda e a xente lisca e pásao ben, e hai moita música, e moitas danzas, e todo o mundo se lembra dos vellos xudeus e de Xan de Arzúa. Pero, sobre todo, os veciños de Allariz queren e coidan ao boi e, para animalo cando vai canso subindo as costas, todo o mundo berra:

ARRIBA O BOI!

Texto. http://www.festadoboi.gal

 

+No hay comentarios

Añade el tuyo

Esta web utiliza cookies puedes ver aquí la política de cookies. Si continuas navegando estás aceptándola