Revoltas irmandiñas e milicias populares

Poetarras

Revoltas irmandiñas e milicias populares, mulleres acusadas de bruxería e torturadas(María Soliño), sindicalistas mártires (os Once do Anguieiro), activistas antifranquistas históricas (Carmiña Graña), a Resistencia Galega desnortada pola volta, sempre algunha asociación en pé de manifestación ou de reivindicación, e agora os Poetarras: é por algunha toxina resistente nas bateas do Morrazo ou sodes moi bravos os cangueses?
 
 
 

Rubén Lino: En Cangas sempre houbo moitos movementos sociais porque mandaba, e hoxe en día aínda manda, o PP.

Manuel Gago: Andan bailando: catro anos o PP…

RL: Está claro que canta máis represión (antes) ou peores sexan os políticos, máis descontento vai mostrar a xente, e normalmente os movementos culturais son os máis activos contra ese poder.

Daniel Vilaverde: Eu quero matizar unha cousa, a ver se vai quedar que Poetarras é un grupo de Cangas.

Pensei que terías o estatuto de recastado.

DV: Eu non quero a nacionalidade canguesa. Non teño nada en contra de Cangas, pero…

Pero o sentimento compártelo?

DV: Eu comparto o sentimento de resistencia, o que pasa é que a min o sur dáme un aire raro: hai mar e esas cousas, e eu son de interior.

MG: Aínda que temos microclima.

DV: Co que si me identifico é co feito de que en Cangas ten, ou tiña, moita presenza a Fronte Popular Galega, e eu fun os dos seus poucos votantes no ano 2009. Gústame salientalo porque non houbo nin 3.000 en toda Galiza, e creo que mil viñan de Cangas.

RL: E ti eras un deles.

DV: Dalgunha maneira vós e eu estabamos predestinados.

RL: Fóra do tema político, Cangas sempre foi un sitio no que houbo un fervedoiro cultural e sobre todo musical. Cangas, aí atrás, era o sitio con máis grupos de música por metro cadrado… unha burrada.

MG: En Cangas viviuse moito, tanto como en Vigo, a Movida dos anos 80. O mesmo que está a pasar desde hai dez anos en Bueu, onde teñen montada unha auténtica revolución punk.

Non tedes medo a represalias, a unha guerra sucia orquestrada desde Monte Pío, ou a un Grupo Antipoetarra de Liberación comandado por Gloria Lago?

DV: Eu non é que non teña medo, é que me dá morbo. Gustaríame que esa “violencia” se volvese contra nós. Se non existisen eses antiheroes tipo Feijóo, tipo Gloria Lago, probablemente tampouco existiriamos nós.

RL: Estariamos cómodos, claro. Se vives ben, xa non tes inquedanzas nin tes nada.

DV: Se non tes inimigos…

Coa que está a caer (a policía patrullando as redes sociais, os xuíces admitindo a trámite querelas de empresarios ventrílocuos contra xornalistas que se limitan a exercer o seu traballo de crítica, ou, non hai tanto, fiscalías actuando de oficio para denunciar a debuxantes) non vos cortades á hora de subir un sketch?

RL: Ao contrario. Nos nosos perfís de Facebook, YouTube e Twitter xa avisamos de que o obxectivo que temos é ofender cos sketchs.

DV: Esa declaración de principios é unha provocación. Non buscamos a ofensa gratuíta: buscamos facer o que nos dea a gana sen andarnos preocupando de a quen ofendes polo camiño. É certo que cando arriscas con determinadas propostas pódeste atopar con represalias.

Unha subvención da Xunta non vos vai caer.

Poetarras: Nin a pretendemos nin a buscamos!!

DV: Estámolo vendo hoxe en día con xente que fai cancións de rap: poderanche gustar máis ou menos as letras e o que digan, pero a barbaridade é que alguén, por escribir unha letra, diga o que diga nesa letra, poida acabar no cárcere.

RL: Iso pasoulle a Soziedad Alkoholika, a quen lle cancelaban concertos por falar contra o rei ou contra alguén do goberno nas súas cancións.

DV: Tamén pode ser un problema de cara a inserción laboral. Sempre hai quen che comenta: coidadiño cos temas que tocas porque podes facer inimigos ou atoparte con portas pechadas. Outra cousa é que esas portas a ti non che interese telas abertas.

Tirades a dar e a discreción, pero en que consiste o “arterrorismo”?

MG: É o que falabamos antes da nosa declaración de intencións nas redes sociais.

DV: O nome vén dun xogo de palabras meu, estúpido como todos os xogos de palabras. Eu creo que reflicte un pouco a mestura esa de intentar facer algo que poida ser… artístico, case poético e fermoso, pero ao mesmo tempo que iso non quede sempre como unha cuestión de suavidade, de algo agradable ou asumible facilmente, senón que poida ser unha hostia na cara. Ocorre que en canto te saes un pouco das normas, sobre todo a día de hoxe, axiña te acusan de violento, de terrorista. De aí viña ese xogo de palabras: da arte que sae do canon oficial e pasa a ser terrorismo porque provoca violencia.

Ademais de divertido, o voso semella querer ser un humor comprometido.

RL: Tocamos todos os temas.

DV: Comprometémonos coa lingua, por exemplo.

RL: Famme fatale é unha crítica a certos perigosos modelos de conduta que impón a sociedade do culto á imaxe. Non hai máis que navegar por Instagram: rapazas de quince anos anoréxicas ou bulímicas que soben cada día a foto dun prato de comida que nunca van comer, pero aí está a foto. Tratamos todos os temas.

DV: A liberación sexual…

MG: Bastante!

DV: Ese é un problema, porque moitas veces parece que estás obsesionado, pero é un tema que hai que sacar. Parece que a violencia está normalizada e, agora ben, falas un día de sexo e é como “non, non, non imos falar diso”.

Non apuntades sempre na mesma dirección. Penso na canción Feijóo, pero tamén no sketch Paradoxal activity, no que o pao é para esa diglosia case esquizofrénica de moitos galegos, mesmo dalgúns nacionalistas.

RL: É que os extremos nunca os levamos ben, tanto para un lado como para o outro. Ao final van en contra do galego o mesmo os uns que os outros. Porque un non quere o galego e o outro non quere ese galego.

DV: Cada un ten as súas ideas, mesmo entre nós os tres. Trátase de saber rirse de todo: por ter uns principios non quere dicir que non te poidas rir deles. Hai algúns sketchs nosos que tratan de cousas que nos sucederon e que nos doeron, e tamén nos rimos diso. Ou de ideas nosas moi firmes. Paréceme moi san saber que nada é sagrado e que te podes rir de todo, non sendo de Monica Bellucci.

Por onde hai que rastrexar o humor de Poetarras?

DV: Temos referentes moi distintos.

MG: Pero no humor compartimos moitos gustos.

RL: Eu collo un pouco de todo: gústanme o mesmo Los informáticos que Ricky Gervais, que…

MG: Sobre todo o humor británico. Eu seguín moito aos Monty Python, a The League of Gentlemen, que na galega creo que a traduciron por Cabaleiros con aquel [risas].

DV: Little Britain

MG:  Little Britain! Eu non coñecía a Ricky Gervais, pero Dani meteume nese mundo.

DV: A min Ricky Gervais cambioume moito a vida [Rubén e Manuel asenten convencidos]. De feito, a miña primeira curta estaba influidísima por The office. Logo descubrín a Louis C.K, unha influencia enorme.

MG: Para min tamén.

DV: Son ese tipo de cómicos capaces de escribir desde un monólogo ata unha serie brutal na que acertan cunha comedia incisiva, ácida e reflexiva, e ademais son quen de tocarche o corazón e facerche chorar como un neno.

Como credes que a xente ri con vós: sorriso, gargallada, a rolos polo chan?

RL: Depende do sketch, pero creo que pode ser no plan “si, faime gracia pero calo, porque se non van pensar que penso o mesmo”.

DV: A min gústame a idea esa da risa culpable…

RL: Tapando a boca.

DV: … dese riso “non podo evitalo pero ao mesmo tempo sei que está mal”. Pasoume cun capítulo de Louie no que había unha escena de sexo relacionada cun trauma de abusos, e era unha situación tan desagradable e violenta como cómica; a min gústanme ese tipo de situacións. Ricky Gervais tamén ten moito de situarte nun dilema de “non sei se está ben que me ría disto, pero non podo evitalo”.

O audiovisual galego, no que se refire as webseries, parece vizoso. É burbulla este aparente esplendor ou terá continuidade?

RL: Eu non lle teño moita fe a este mundo das webseries, e menos as que se fan en galego. De feito, hai moi poucas nesta edición do Carballo Interplay. O ano pasado foi ben e parece que as quixeron fomentar, pero en 2015 fixéronse e entregáronse menos porque a xente non se atreve. E logo están, e iso si que me amola, os que traballan en galego para poder optar a un premio, aínda que en realidade o galego dálles igual.

MG: Ás series que hai agora moita vida non lles vexo: todo ten que morrer e unha webserie non adoita durar tanto como unha serie de televisión. Nos vindeiros anos han de nacer algunhas máis, pero moito futuro non lles adiviño.

DV: Están de moda. Si que lles vexo unha saída moi útil para xente que aínda estuda e non ten outro xeito de sacar adiante as súas ideas, pero hai un certo tufo tipo “vamos converter isto na galiña dos ovos de ouro”, “vamos facer que isto se converta en diñeiro”. E cando empezas a meter cartos polo medio é cando escarallas todo.

Por que non estiveron Poetarras nos premios Mestre Mateo?

MG: Porque hai que pagar 30 euros.

RL: Porque hai que pagar 30 euros e nós non podemos pagar 30 euros. Se cadra por iso a Luzes nin a podemos mercar! [risas].

Eu fixen as prácticas na TVG, vin como se movían as cousas e non me gusta nada. Aí todo vai por enchufismo e  non lle dan oportunidades á xente nova. Son sempre as mesmas caras as que gañan. Morris cantos premios leva xa?

MG: Por favor!

RL: Que non digo que non sexa bo, pero, cona, parece que non hai outro! Por riba ves Son Goku e está Morris na dobraxe. Nos Mestre Mateo non tiñamos oportunidade ningunha: vótanlle aos amigos.

MG: Nin sequera miran os traballos. Repasarán a lista e dirán: “A estes!”

DV: Eu creo que o “efecto Piti Sanz” [“Eu  non fago videoclips, eu fago cancións e como quero colgalas en YouTube fago fotos co teléfono e roubo imaxes de internet e logo monto todo”, dixo o músico ao recoller o  premio ao mellor videclip, discutidísimo, nos Mestre Mateo 2014] foi polo que decidimos non presentar nada. Primeiro iso, pagar 30 euros por optar a un premio sen dotación económica a min paréceme insultante, non entendo á Academia. Se  non hai dotación económica, polo menos que non lle fagan pagar á xente por presentarse. E, en segundo lugar, está o do amiguismo. Aquí no Carballo Interplay hai  un xurado e poderá gustarche máis ou menos a súa decisión, pero ti sabes que ese xurado analizou todas as obras; a súa decisión será respectable ou non, pero eles viron todos os traballos a concurso. E ti preséntaste aos Mestre Mateo e se cadra nin ven a túa obra, polo que acaba gañando alguén que probablemente o xurado xa coñeza; iso desvirtúa a elección dos vencedores. Que conste que eu con Piti Sanz non teño ningún problema: el crerá que ten algunhas ideas revolucionarias, pero paréceme a vítima máis grande de todo este circo. O grave é que houbo quen premiou a Piti Sanz.

A segunda temporada de vosa webserie segue aberta. Ata cando, que falta por ver?

MG: A metade, máis ou menos.

RL: Non sabemos cando imos empezar e cando imos rematar unha temporada, pero temos unha rutina, que polo de agora manteremos, de subir un capítulo cada dous luns.

DV: Normalmente ao comenzo de cada temporada… “firmamos” [risas] doce sketchs e tres cancións. Aínda que este ano seguro que haberá máis cancións. E sempre estamos abertos a incluír algún sketch máis.

E unha terceira temporada?

RL: En principio, eu… ata que morra estarei aí.

MG: Tamén está o problema do traballo, dos cartos, da dispoñibilidade…

RL: Nós temos ganas de momento. Cando fomos ao AUGAL estaba alí Pablo Cacheda [director da webserie Clases de los social] e falou do que chamou “o tabú da terceira temporada”, como se fose un logro sacala adiante.

DV: Tamén fixeron un vídeo, supoño que medio en broma, supeditando a súa continuidade a se gañaban un premio nos Mestre Mateo ou no Carballo Interplay. E nós non imos supeditar facer unha terceira temporada a gañar un premio, nin sequera á repercusión que teña o proxecto. Ímolo supeditar a se facemos algo que nos gusta e co que estamos satisfeitos. Se fora por repercusión, non teríamos feito unha segunda, porque á primeira tampouco é que lle fixeran moito caso.

Daniel representouvos este ano no xurado do Carballo Interplay.

DV: O Interplay é un festival da hostia. Creo que están facendo de Carballo un centro do audiovisual galego. Se ves o programa do festival, non só as proxeccións, senón todas as actividades paralelas, a min paréceme incrible. No referido á calidade das webseries, o que puiden apreciar, non vou mentir, foi un nivel moi baixo nos traballos en galego, polo menos dos que entraron a concurso. Nas propostas nacionais houbo determinadas cousas  que me gustan bastante, pero poucas que me entusiasmen; destacaría Fracasados por el mundo, unha parodia do programa que popularizou a cadea de televisión Cuatro. E se falamos das webseries internacionais, aí si que a cousa estivo ben, xa non pola calidade, senón polo risco das apostas. Concursaron tres series arxentinas que me encantaron: Cúmulo y NimboEléctrica e Tiempo libre. Tamén unha británica que se chama Future Duck, unha serie que miras e dis: non entendo nada pero paréceme marabillosa.

 
 
A nosa responsabilidade cos nosos fans é recomendarlles que lamban moitas conas e que non teñan pudor por nada.

 

As vosas fans escoitan Lambeconas e pregúntanse se predicades co exemplo.

DV: Eu totalmente… o que me deixan. Gustaríame predicar moito máis. Creo que Lambeconas é o exemplo de que hai que subverter un pouco a sexualidade; pensamos que xa están normalizadas certas cousas pero aínda somos moi conservadores: temos moitos tabús e moitos prexuízos e consideramos que é rebaixarse, ou un sentimento de inferioridade, un acto tan natural e tan fermoso como lamber unha cona; o mesmo que chupar unha pirola, que quede claro.

RL: Xa non é que esteamos a favor, senón que queremos fomentar o “lambeconismo”. Eu teño unha anécdota; a miña nai, cando lle digo que imos tocar Lambeconas, pídeme: “Esa non, por favor”. Pero aí atrás, cando foi o atentado contra a revista Charlie Hebdo, insistiume para que fora ver con ela na tele como a policía mataba ao terrorista. Violencia si, pero sexo non.

 

Entrevista realizada para la revista Luzes. http://revistaluzes.com/

Texto. Xurxo Chapela. https://twitter.com/xurxochapela

Fotografías. Roberto Rey Domínguez

Deja un comentario

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable: Roberto Rey Domínguez.
  • Finalidad:  Moderar los comentarios.
  • Legitimación:  Por consentimiento del interesado.
  • Destinatarios y encargados de tratamiento:  No se ceden o comunican datos a terceros para prestar este servicio. El Titular ha contratado los servicios de alojamiento web a Dinahosting que actúa como encargado de tratamiento.
  • Derechos: Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional: Puede consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

error: Roberto Rey Domínguez © 2024. All Rights Reserved.